Manifesto

A nosa paisaxe e o noso urbanismo foron moi maltratados a partir de mediados do século XX. Os espazos interiores tampouco se libraron. O noso patrimonio foi destruído para se render a modas e materiais foráneos e de moi inferior calidade. A maioría dos nosos móbeis e carpintaría, feita con mimo por artesáns expertas empregando madeiras nobres foron destruídos sen mostrar sentimento, sensibilidade ou respecto ningún pola nosa historia. Casas tradicionais e mobiliario reducido a cascallo están na orde do día.

Deseñamos desde o noso país, pondo en valor o noso deseño e os nosos materiais, fronte á globalización do interiorismo de locais decorados con imitacións cativas a madeiras e cunha suposta estética vintage, cheos de cachivaches de todo tipo.

Nos nosos espazos non atoparás decoración ou ornamentación innecesarias, cacharros, cadros que non din nada, cousas feitas de plásticos contaminantes. Defendemos o interiorismo sustentábel, dando segundas oportunidades a materiais, móbeis e elementos que xa se atopan nas vivendas ou locais e que doutro xeito irían para o lixo. Usamos materiais naturais, defendendo o produto e a man de obra do noso país, o de aquí. Encántannos as nosas pedras, os nosos granitos tan desprestixiados e tan mal empregados a maior parte das veces, as nosas madeiras, etc.

Deseñamos espazos con poucas cousas porque cada cousa ten a súa función, e acreditamos nos espazos vivos, que mudan canda nós, pouco a pouco e de xeito natural.

Non convertemos os espazos que tratamos en parques temáticos: estilo nórdico, estilo rústico, estilo industrial. Os estilos non son o noso, nin nos obsesionamos coas tendencias. Somos valentes, tomamos riscos, pero tamén sabemos pisar sobre seguro.

Defendemos a memoria histórica de cada espazo, e a da contorna en que se insere. Non é o mesmo unha vivenda centenaria que as do desenvolvimento de décadas anteriores ou as de nova construción. Cada espazo ten a súa memoria, e apostamos por respectala e mantela visíbel.