Se tivésemos que falar dun material característico do país ese é o granito. Poderíamos falar, por exemplo, das máis de corenta variedades que hai en Galiza, todas elas pedras escepcionais. Pero hai un granito que destaca en particular, non só por ser coñecido internacionalmente senón polo desprezo e pouco valor que se lle dá: o chamado rosa Porriño.
O granito Rosa Porriño é unha pedra debuxada uniforme, e a súa beleza venlle da variedade de vetas, cores asalmonadas, cristais grisáceos, brillos, etc. A súa resistencia e calidade, o seu bo comportamento na construción, grazas á súa reducida absorción de auga, e o seu reducido custo de mantemento explican que se convertese nun material que marcou unha época.
É verdade: a súa sona traspasa fronteiras. Está presente nas cidades máis importantes do mundo: dende o edificio do concello de Tokio ao metro de París, pasando por edificios emblemáticos de Nova York ou dos Emiratos Árabes. Serían os italianos os que comezarían a súa comercialización global, na década de 1960, mercándoo en bruto e transformándoo como material de luxo despois de rebautizalo e presentalo como unha pedra italiana.
Impulsado por esa presenza exterior, na década de 1980, o Rosa Porriño converteuse nun material referencial. Usouse moitísimo, contribuindo en moitos casos ás desfeitas e os horrores arquitectónicos da época, que non foron poucos. Nos interiores de millares de casas, as encimeiras, escaleiras e soleiras fixeronse con Porriño. Colocouse de forma masiva e moitas veces de calqueira xeito, sen criterio estético ningún. O resultado, unido a unha tendencia a valorar moito máis o que vén de fóra, non podía ser outra cousa que o rexeitamento xeral ao Rosa Porriño que hoxe hai en Galiza.
Con todo, queremos romper unha lanza por esta pedra galega tan característica, por varias razóns
- Porque ten unhas cores preciosas e, ben empregado, levanta calquera ambiente con infinidade de posibilidades de combinación.
- Porque a súa resistencia aos cambios de temperatura e á humidade, cun custo de mantemento case nulo, fai del un material óptimo para empregar en chans, encimeiras, mobiliario, etc.
- Porque ten un prezo razoábel. É, de feito, unha das pedras máis económicas.
- Porque é un material natural, imperecedoiro e reutilizábel, fácil de recuperar cun simple pulido e lavado.
- E porque é do país e forma parte, polo tanto, da nosa paisaxe, cunha integración doada en calquera ambiente, como é característico dos materiais de proximidade.
Somos conscientes de o Rosa Porriño paga aínda os abusos das décadas de 80 e 90 e a súa asociación co boom da construción daqueles anos, pero no Antídoto apostamos por recuperar o seu uso lonxe desas prácticas. Ao final, trátase dun material do país, perfecto para usar no país.