Contar cunha profesional para a túa reforma é a mellor decisión que podes tomar e non te vas arrepentir, iso seguro, porque axiña verás que a súa formación vaiche permitir aforrar tempo, cartos, chapuzas e disgustos. Din que as reformas son das peores experiencias da vida. Nós non estamos de acordo en absoluto, pero somos conscientes dunha cousa: abofé que poden selo se se fan de calquera maneira.
Agora, se aínda así estás decidida a te meteres neste traballo pola túa conta, aquí van uns cantos consellos de interiorista con anos de experiencia.
1. Planifica. Define ben o que vas facer
Unha reforma comeza moito antes de comezar a derrubar paredes. Non chega con teres unha distribución mental do espazo ou unha idea xeral. Dedica tempo a pensar o que vas facer, porque canto máis claro o teñas mellor e máis rápido vai ir todo. Se non o tes claro atoparaste marcando os enchufes na obra ou tomando decisións ás carreiras, das que te vas arrepentir.
2. Sé realista co orzamento
Non empezes a obra se non sabes o que vai costar todo, e todo é “todo”. Tampouco chega con te faceres unha idea mental das partidas máis grandes. Se non tes un proxecto ben definido vai ser moi difícil saber o que vas gastar, e o total vai ser maior. De verdade.
3. Non quedes co orzamento máis barato por ser máis barato
Pide varios orzamentos e compáraos. Pide que veña o máis detallado posible: metros cadrados, calidade dos materias, etc. E, sobre todo, asegúrate de que non estea incompleto. Pide unha valoración total do conxunto, aínda que non o fagas todo de vez. Analízao en profundidade e non deixes cousas sen orzamentar para máis adiante, porque estas partidas son as que máis encarecen ao final.
4. Deixa uns cartos para imprevistos
Partindo da base de que farás un proxecto o máis concreto e detallado posíbel antes de comezar os traballos, certo que nas obras sempre aparecen imprevistos. Aparecen mesmo téndoo todo claro e pásanos tamén ás profesionais, así que imaxina se non tes claro o que vas facer. Por iso, non esgotes todo o orzamento e reserva unha parte para evitar que esta experiencias se convirta en sustos continuos. A historia de “iso non estaba incluido” escoitarala varias veces.
5. Non pidas consellos a todo o mundo ou “a rede si, pero sen tolear”
Colleres un montón de ideas de aquí e acolá está ben. Pero facelo sen criterio vai acabar dándoche unha idea do espazo pouco realista e confusa. Esas ideas que parecen perfectas nas fotografías non sempre se han adaptar ben ao espazo do que dispós. Ou pode que vexas un par de ideas que poderían funcionar por separado, pero que non teñen nada a ver unha coa outra. Neses casos, o resultado soe ser pouco harmonioso e, a longo prazo, é peor.
6. Pide os permisos de obra
Sí, xa se sabe que a burocracia é lenta e desesperante. Pero traballar sen teres os permisos pódete levar a unha paralización administrativa ou a teres que pagar unha multa. E iso sí que non hai orzamento que o resista.
7. Faite cun bo equipo de profesionais
Todas temos un familiar ou un colega electricista, fontaneiro ou albanel. Pero tes que contar con que as obras esixen un traballo conxunto de varias persoas, cada unha especialista no seu ámbito. Así que, se cada unha vai por libre, o resultado será un desastre. Que quere dicir isto? Que terás que facer o trabalho de coordinadora de obra ou contratar alguén que o faga. Se non, atoparaste continuamente con que a culpa foi de fulano ou de mengano, e serache máis difícil e caro solucionar o problema. Este son o tipo de cousas que fan realidade esa afirmación de que as obras son unha das peores experiencias da vida.
8. Controla a obra, pero deixa traballar
Se contas cunha persoa que coordine a obra é moi importante que confies nela e que che vaia informando de como vai todo. Se o vas facer ti mesma, terás que estar moi pendente do que alí acontece, pasando pola obra moi a miúdo. As ausencias adoitan traducirse en sustos. En todo caso, sempre é unha boa política deixar espazo aos equipos de traballo que estean a executar a obra. Ao contrario, resultar “cargantes” tampouco garante un mellor resultado.
9. Evita as presas
Se che dicimos que facer as cousas ben leva o seu tempo non che descubrimos nada novo, pero é importante reflexionar sobre isto e telo presente en todo momento. Dalle o tempo necesario ao deseño, evita planificar ás carreiras e ten en conta prazos realistas de execución da obra para que o resultado quede ben. Agradeceralo.
BONUS TRACK
CONSULTA ESPECIALISTAS ANTES DE COMEZAR. Este é o mellor consello que se pode dar: as profesionais do interiorismo traballamos facendo todo isto día a día, xa contamos con equipos profesionais de electricidade, arquitectura, albanelaría, carpintaría, etc.; e, sobre todo, podemos abaratar os custos dos materiais en función das escollas. Se o fas, comprobarás que o deseño de espazos — sexan comerciais, de traballo ou para vivir neles — non ten por que resultar máis caro que facelo pola túa conta. O que si che dá é unha garantía de traballo ben feito.